Nancy Escalante, muller labrega e defensora da terra hondureña, visita Galicia dende este luns 14 de outubro ata o próximo 11 de novembro no marco do proxecto Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida, impulsado por Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras co apoio do Sindicato Labrego Galego e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social e o financiamento da Xunta de Galicia.

O programa busca por en valor as loitas comunitarias lideradas por mulleres en Honduras e Galicia, dous territorios con retos ambientais moi similares. Respondendo a este obxectivo esta sexta xira de actividades trae unha novidade: Nancy Escalante convivirá varios días con cinco mulleres labregas galegas das comarcas de Santiago, Pontevedra, Allariz-Maceda, Betanzos e A Mariña. Con isto, o proxecto busca xerar intercambios de experiencias e saberes e vínculos máis profundos entre as mulleres bravas.

Axenda de actividades

A visita pola comunidade comezou onte cun roteiro feminista pola cidade da Coruña e un primeiro encontro coas bases sociais das entidades promotoras da iniciativa: Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteira. Hoxe Nancy Escalante comparte espazo con outras dúas mulleres bravas de Honduras e Perú nunha mesa redonda que se desenvolve ás 11h na Escola Politéctina Superior de Enxeñería de Lugo.

Mañá representantes da Xunta de Galicia e do Servizo de Participación e Voluntariado (SEPIU) da Universidade de Santiago recibirán a Nancy en sendas reunións. Dende o xoves, participará no encontro Plantámonos, un espazo no que se reunirán persoas e colectivos de todo o territorio español implicados na transformación do modelo agroalimentario para avanzar cara a soberanía alimentaria.

A partir da próxima semana, comezarán as convivencias de Nancy con mulleres labregas galegas.

 

As mulleres bravas construímos xuntas

Nancy Escalante é unha labrega de referencia para as mulleres da súa comunidade (Huatales Abajo, na aldea San Judas, El Corpus, Choluteca, Honduras), ás que lles fala da importancia de cultivar e consumir alimentos libres de químicos, nutritivos e nativos e dos efectos negativos de consumir alimentos procesados e refrescos. Traballa parcelas de millo e frijol aplicando boas prácticas agroecolóxicas como a conservación do chan e auga e principios do método de cultivo biointensivo como o control ecolóxico de pragas e enfermidades e a produción artesanal de sementes nativas.

Nancy participa en numerosas redes comunitarias, procesos formativos e de incidencia política. Traballa temas ambientais, vinculados ao xénero e á soberanía alimentaria. É lideresa dun grupo de protección ambiental; secretaria da Caixa Rural Unión e Esforzo e da Reserva Estratéxica Comunitaria de Grans Básicos e Sementes; e promotora legal comunitaria para a atención e prevención da violencia de xénero. Ademais, Nancy volveu estudar e atópase agora mesmo cursando o primeiro ano de Bacharelato en Ciencias e Humanidades co fin de estudar Enfermería e poder brindar servizos básicos á súa comunidade.

Isabel Vilalba (gandeira, produtora de faba e Secretaria Xeral do SLG), María Ferreiro (gandeira e actual responsable da Secretaría das Mulleres do SLG), Pura Seoane (labrega de produción vexetal venda directa en mercados e cestas e membro da directiva do SLG) , Uxía de Buciño (labrega de produciónvexetal venda directa en mercados e membro da directiva do SLG) e Belén Fervenza (produtora de horta e flor agroecolóxica e integrante da Secretaría das Mulleres do SLG) son as cinco mulleres galegas que acollerán por uns días a Nancy Escalante nas súas casas en Lourenzá, Teixeiro, Vedra, Allariz e Pontevedra, respectivamente.

 

Honduras e Galicia, dous territorios con retos ambientais moi similares

Macroproxectos empresariais que contaminan terras e augas, afectan aos ecosistemas e destrúen as comunidades ás que nin sequera se ten en conta á hora de tomar decisións. En ámbolos dous territorios, as mulleres lideran loitas contra estes proxectos que antepoñen o beneficio económico empresarial ante todo. As mulleres defenden a terra, os dereitos e a vida. Suman entre elas forzas de cambio e sembran os xermes de moitos movementos de resistencia que se mobilizan por garantir dereitos. Este labor orixina resultados moi positivos nas comunidades, mais moitas veces a costa da liberdade das mulleres lideresas. En Honduras, mulleres son asasinadas por loitar por terras libres e sociedades xustas.