Até o 11 de novembro o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) acolle á compañeira Nancy Yaneth Escalante no marco do proxecto Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida, desenvolvido por Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras en colaboración con AGARESO.
Esta iniciativa busca, da man de mulleres activistas e defensoras da vida e da terra hondureñas e galegas, dar a coñecer os impactos sobre as persoas e o medio ambiente dos proxectos extractivistas en Honduras e Galicia e ofrecer alternativas sustentables para acadar outros camiños de produción e consumo.
Ademais de desenvolver unha importante labor de produción e dinamización da agricultura ecolóxica, Nancy Yaneth Escalante é tamén secretaria da Caja Rural Unión y Esfuerzo e da Reserva Estratégica Comunitaria de Granos Básicos y Semillas, promotora legal comunitaria, delegada municipal para a atención e prevención da violencia de xénero e lideresa do grupo de protección ambiental Comité de Defensa de la Naturaleza.
Fai apenas uns días tivemos a oportunidade de escoitar algunhas das súas experiencias durante o segundo encontro do movemento estatal Plantámonos/Nos Plantamos, celebrado a pasada fin de semana en Allariz.
Precisamente dende Allariz saíu canda a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba, para coñecer a realidade das produtoras de alimentos na comarca da Mariña e da Terra Chá.
Acompañada pola coordenadora da loita contra o acaparamento de terras no SLG, Margarida Prieto Ledo, así como pola propia Secretaria Xeral Isabel Vilalba e labregas da comarca, hoxe Nancy visitou o mercado de A Estruga (Vilalba), as queixerías Cristina Román e Queixería Don Gabino e á apicultora María del Mar Trastoi de Mel Mar de Bon (San Simón).
Pola tarde participará nun roteiro por zonas onde houbo intentos de implantar proxectos mineiros, nomeadamente Cospeito -ca extracción de seixo pola empresa Erimsa- e Labrada de Abadín -proxecto de granito de Ingemarga-, así como outras invadidas por polígonos industriais eólicos. Nestes días tamén manterá xuntanzas con colectivos feministas e de defensa do monte, e coñecerá mercados de venda directa de produtos labregos.
O 25 de outubro Nancy Escalante trasladarase á zona de Curtis-Teixeiro, Betanzos e Ordes, onde da man da responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, a gandeira María Ferreiro, coñecerá proxectos produtivos da comarca e participará nunha xuntanza centrada na perspectiva das mulleres na loita pola defensa da terra nesa contorna, tanto históricas, como a das Encrobas, como actuais (eucaliptización, polígonos eólicos…). Ese mesmo venres 25 Nancy e María participarán no I Congreso Galicia é Economía Social e Solidaria. Recoñecendo a Economía Social e Solidaria, achegando as súas experiencias a través da mesa “Unha economía que poida responder aos retos civilizatorios: Vivenda, Coidados, Territorio e Alimentación”. O sábado 26 Nancy participará na xornada “Políticas agrarias e territorio”, que o SLG vai realizar en Melide.
A comarca de Compostela recibirá a visita desta lideresa hondureña do 29 de outubro ao 1 de novembro. Será acollida pola labrega agroecolóxica Pura Seoane, quen ademais de achegarlle outros proxectos de produción agroecolóxica nesta mesma zona, explicaralle canda veciñanza e labregas da Ulla algúns dos problemas fronte aos que se están organizando, como o acaparamento de terras agrarias por grandes viñedos.
Xa na recta final da súa estancia con nós, a tamén labrega agroecolóxica e integrante da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego, Uxía de Buciños, será a encargada de guiar a Nancy pola realidade das persoas produtoras de alimentos na comarca da Limia. Canda unha visita ao Mercado da Biosfera, boa mostra da fortaleza do compromiso ca agroecoloxía e a soberanía alimentaria, coñecerá de primeira man tamén os impactos da gandería industrial a través dunha visita á lagoa de Antenla en compañía de Herminia, gandeira da zona.
A vicerresponsábel do Sector da Horta e membro da Executiva Nacional do SLG, Belén Fervenza, acompañará a Nancy Escalante na recta final da súa visita, xa na zona sur da provincia de Pontevedra. Alí entrará en contacto con outras labregas da comarca que lle trasladarán as dificultades existentes para acceder á terra e a existencia dalgunhas das problemáticas que tamén están presentes noutras partes do noso territorio -macroviñedos, ecólicos, celulosas-, pero tamén lle amosarán o traballo que se está a facer na defensa da alimentación agroecolóxica, como a rede de sementes e a participación nos mercados locais da comarca.
Como peche desta xeira, o 8 de novembro terá lugar en Lalín unha xornada de traballo e convivio ca Secretaría das Mulleres do SLG.