Karina Aguilar

Yeni leva a loita metida no corpo. 

Só ten 23 anos e  xa acumula cinco batallando contra o megaproxecto fotovoltaico que ameaza o seu pobo. Cóntanos como están fartas de ver como estas grandes, grandísimas empresas métense nos territorios das comunidades sen sequera consultar, e contaminan os seus campos e os seus ríos polo interese duns poucos.

Para defender a terra botou, xunto coas súas compañeiras e compañeiros, nove meses vivindo nun campamento improvisado na zona onde pretendían instalarse máis proxectos fotovoltaicos. Tan só no seu municipio hai dez proxectados a día de hoxe.

O 8 de marzo do 2017, como se dunha lección as mulleres alí instaladas se tratase, o xuiz ditou un desaloxo e maquinaria entrou. As que alí estaban foron perseguidas, hostigadas, criminalizadas. Denunciadas.

Sen embargo, e a pesares de que o activismo págase moi caro en Honduras, Yeni nunca cesou no seu empeño.  A denuncia que lle puxeron por “danos a propiedade privada” foi arquivada por falta de probas e co apoio do 97,3 % do municipio de Namasigüe conseguiron declaralo como zona libre de Minería e Fotovoltaica. Ata agora.

“Mandaban coches á comunidade cando estabamos no campamento, na noite. A min perseguíronme dúas veces. Sempre estamos expostas”

E que as veces, para defender a terra, hai que ser moi brava.

Activismo medio ambiental, unha actividade de risco, sobre todo en Honduras.

Yeni está integrada nun programa de protección oficial de defensores e defensoras en Honduras. Ante calquera ameaza ten un número ao que poder chamar para sentirse máis segura. Algo insuficiente no país máis perigoso de Centroamérica para o activismo medio ambiental segundo Amnistía Internacional, que xa documentou tres asasinatos de activistas no que vai deste 2022. Dende a morte de Berta Cáceres, a coñecida defensora asasinada no 2016,  xa perderon a vida polo menos 43 activistas por defender o seu territorio dos abusos empresariais. Sen embargo Honduras, segue sen firmar o Acordo de Escazú, o primeiro tratado de dereitos humanos ambientais de América Latina e o Caribe, que entrou en vigor no 2021 e que obriga aos Estados asinantes a protexer ás persoas defensoras do medio ambiente.

 

Sóache esta historia?

A loita veciñal acabou co megaproxecto da Mina de Touro-O Pino, na provincia da Coruña,  tras case catro anos de mobilizacións sociais. A Xunta de Galicia rexeitaba en marzo do 2021 por segunda vez as aspiracións da empresa Cobre San Rafael pola súa falta de “sustentabilidade ambiental”.   A loita por parte da mineira deixou un historial de  acoso, espionaxe e presións  que denunciaron moitos dos activistas que se posicionaron na súa contra, ademais dunha campaña de greenwashing que incluía, a “compra” de medios de comunicación a través de contratos publicitarios ou o patrocinio de equipos de fútbol como o FC Compostela, entre outras manobras de dubidosa legalidade.

Amigas da terra
Rúa Bedoia, 5-2ºD, 32004, Ourense/ Rúa Velázquez Moreno, 9-2, 36201, Vigo
(+34) 988 37 43 18
info@amigasdaterra.net

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia
Campus Elviña. Escola de Camiños. 15071 A Coruña
(+34) 881 01 1479
info@galicia.isf.es