Maigra Isabel Guevara Cruz
“As ameazas de morte por parte dos gandeiros non me dan ningún temor. Ao touro polos cornos, non me amedrentan.”
Maigra é defensora dos bens comúns e do territorio, especialmente da área protexida de El Jicarito, un espazo de lagoas e canles que fornece peixes e camaróns silvestres a numerosas familias da súa comunidade. Un lugar que ela describe así: “A nosa paisaxe é fermosa e síntome ditosa, orgullosa de camiñar entre tantas aves de diferentes cores. Aquí o reflexo do ceo está plasmado no mar.”
A súa loita comezou en 1985, cando sendo moi nova participou xunto á súa familia e outras comunidades na defensa das zonas de pesca fronte a empresarios que querían apoderarse dos canles e lagoas. Desde entón, o seu compromiso coa defensa do territorio non cesou:
- É líder da Asociación de Pescadores de Namasigüe, desde onde impulsa accións de conservación da área protexida.
- Liderou a construción de canles para restaurar o fluxo da auga e recuperar os manglares, devolvendo a vida a espazos degradados.
- Para defender este proxecto enfrontouse ás autoridades, organizou cortes de estradas e falou ante o Congreso Nacional sen medo.
- Denunciou ante o ICF e a Procuradoria Xeral a introdución ilegal de gando nas lagoas, logrando resolucións xudiciais favorables.
- Pertence á Rede de Mulleres de Namasigüe e é defensora activa dos bens comúns.
A pesar de ter recibido ameazas de morte, Maigra non se amedrenta. Como ela mesma di: “Ao touro polos cornos.”
Sóache esta historia?
A loita de Maigra pola defensa das lagoas e os canais de pesca resoará familiar para moita xente galega. En Galicia, as comunidades costeiras e do interior levan décadas enfrontándose á privatización dos recursos naturais, á contaminación das rías e á presión de grandes industrias sobre os espazos de vida común. As mariscadoras e pescadoras galegas coñecen ben o que significa defender o territorio co corpo, igual que Maigra organizou cortes de estrada e falou ante o Congreso sen medo. A recuperación dos manglares que ela liderou lembra tamén ás iniciativas de restauración dos ecosistemas fluviais e costeiros que grupos ecoloxistas e comunidades galegas veñen impulsando fronte á destrución ambiental. A mensaxe é a mesma a un e outro lado do Atlántico: os bens comuns non se venden, deféndense.
Amigas da terra
Rúa Bedoia, 5-2ºD, 32004, Ourense/ Rúa Velázquez Moreno, 9-2, 36201, Vigo
(+34) 988 37 43 18
info@amigasdaterra.net
Enxeñería Sen Fronteiras Galicia
Campus Elviña. Escola de Camiños. 15071 A Coruña
(+34) 881 01 1479
info@galicia.isf.es