Leni Suyapa Betancourt

Leni recorda con cariño o consello da súa avoa para que na casa se sementase o mamey, unha planta que tarda en ser colleitada pero que é boa para a terra. Vivían ao pe da área protexida do Cerro de Guanacaure. Cando casou e atopou que a propiedade do seu home era árida e sen vida, pasou anos carretando sacos de terra cada vez que ía visitar a súa nai. Así pouco a pouco converteu un terreo seco nun oasis de froiteiros e cultivos. Moitas organizacións comezaron a solicitar a súa casa para realizar capacitacións, e a ela fóiselle metendo o demo do activismo no corpo. Agora forma parte da Comisión Ambiental Municipal de Namasigüe, o seu pobo, e participa activamente na defensa do seu territorio ante as ameazas da minaría e da fotovoltaica.

Gandeira sostible, activista contra a minaría fotovoltaica

Na casa compraron algunhas vacas e comezaron tamén a producir leite, o que a levou a integrarse na cadea de gandería sostible, un grupo de mulleres organizadas que traballan no procesamento e venda do leite e que cos ingresos que xeran fortalecen os seus grupos de base.

Na pandemia, ao non poder entregar o leite, decidiron comezar a facer queixo. O problema converteuse en oportunidade, e o seu queixo afumado é agora o seu produto estrela, do que tanto Leni como o resto da súa familia, están moi orgullosas.

Porque as veces para ser brava hai que ser como o mamey, medrar lentamente, pero polo camiño ir deixando unha terra fértil no que outros, e outras, poidan medrar tamén.

Amigas da terra
Rúa Bedoia, 5-2ºD, 32004, Ourense/ Rúa Velázquez Moreno, 9-2, 36201, Vigo
(+34) 988 37 43 18
info@amigasdaterra.net

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia
Campus Elviña. Escola de Camiños. 15071 A Coruña
(+34) 881 01 1479
info@galicia.isf.es