Mariela Burgos e Verónica Rodríguez, defensoras da terra hondureñas, achegáronse hoxe ás aulas universitarias do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Esta visita enmárcase no proxecto Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida, que planifica unha axenda de actividades para elas pola comunidade galega ata o próximo xoves 14 de marzo.

Honduras e Galicia afrontan loitas ambientais moi similares. Macroproxectos empresariais que contaminan terras e augas, afectan aos ecosistemas e destrúen as comunidades ás que nin sequera se ten en conta á hora de tomar decisións. Nestas loitas, as mulleres exercen unha labor fundamental. Defenden a terra, os dereitos e a vida.

Elena Ojea, investigadora do Grupo Océanos Futuros da Uvigo enfocada nos efectos do cambio climático nos océanos, iniciou a xornada de hoxe na Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte da Uvigo dando un contexto da situación actual do planeta: “Hay una distribución de los impactos muy poco equitativa. Los países que normalmente han emitido menos gases de efecto invernadero son los que más sufren. Países que, además, están en proceso de desarrollo económico”.

Esta distribución desigual da que comezou falando a investigadora plasmouse na mesa redonda organizada trala súa intervención e protagonizada por: Alba Iglesias, produtora local, Antía Mariño, integrante da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, Mariela Burgos e Verónica Rodríguez. Tamén, na conversa que tivo lugar pola tarde na Facultade de Comunicación da mesma Universidade no marco do XIV Curso de Especialización Comunicar para o Cambio de AGARESO. Nela participaron, ademáis das activistas hondureñas, Natalia Varela, da Plataforma Ulloa Viva e Zeltia Acuña, activista ambiental e artista.

O papel do xénero no activismo ambiental

O labor das mulleres nas loitas ambientais orixina resultados moi positivos nas comunidades, mais moitas veces a costa da liberdade das lideresas. En Honduras, mulleres son asasinadas por loitar por terras libres e sociedades xustas. Así o conta Mariela Brugos, mariscadora e activista ambiental: “Me han apuntado, me han puesto el arma en la cabeza y me han dicho ‘o te vas, o tu cuerpo va a ser alimento para los langostinos’ ”.

Ademais dos riscos implícitos no labor de defensoras, as mulleres atópanse con moitas barreiras á hora de chegar a estes postos de liderazgo e toma de decisións. “Como mulleres bravas también trabajamos en el machismo, pues en la cultura hondureña es bien palpable. Cuando yo empecé a salir, a aprender cosas, me costó mucho”, asegura Verónica Rodríguez”.Porén, a labrega reivindica que todos eses pasos que deu lle serviron para “romper tódalas barreiras”: “si no lo hubiera hecho, no estaria aquí, con mi producción, mi forma de pensar, sintiéndome libre y empoderada”.

Nesta liña, Natalia Varela ,da Plataforma Ulloa Viva, quixo facer fincapé na necesidade dos coidados dentro das loitas e da importancia das mulleres na consecución deste obxectivo: “este é un traballo bastante estresante, desgasta moito e necesitas un grupo que te sosteña. Penso que sendo mulleres é moito máis fácil. Ademais da loita polo coidado do territorio hai unha loita de coidado entre nós. Intentamos entre todas que as outras descansen, que estean ben. Isto fortalece e fai máis posible a loita”.

A defensa da terra é e debe ser unha loita comunitaria

Alba, Antía, Mariela, Natalia, Verónica e Zeltia enfróntanse, cada unha no seu territorio, ao expolio que están causando as empresas nas diferentes zonas. Os montes, a ría e o manglar, son algúns dos afectados directos destas accións empresarias e, con eles, tódalas especies que alí habitan. “Estas empresas o que pretenden é dividir a comunidade, intentan comprar á xente”, defende Zeltia, ao que Mariela engade que, ademais, estes poderes “van a donde está la mayor necesidad y se aprovechan de ella”.

Esa mesma comunidade que as grandes corporacións pretenden romper é a que, a pesar de todo, sostén a vida deses territorios. “Se non fora pola resposta social estariamos desamparadas”, comenta a artista. “Hay que luchar, esa es la fuerza que tenemos”, reivindica Verónica.

Moitas das grandes empresas que explotan estes territorios escúdanse na xeración de empregos na zona. Porén, as activistas defenden a necesidade de ter presente que “no queremos pan para hoy y hambre para mañana” (Antía Mariño), e que se non se coida o medio hoxe, de pouco servirá o beneficio xerado por todos eses empregos mañá, cando xa non poidamos soster a vida.

Cara onde imos?

“La buena noticia es que sabemos cómo hacerle frente a todo esto”, apunta Elena Ojea, ao que engade Verónica Rodríguez a necesidade de ser optimistas e de traballar tódalas persoas polo ben común aproveitando esa “ventanita de oportunidad” que temos para salvar o planeta.

En definitiva, a pesar das diferenzas sociais, ambientais, culturais, políticas e económicas entre ambos países, “somos un mismo planeta, uno que nos da la vida, y estamos luchando todas en un mismo sentido”, conclúe a labrega.