Mariela Burgos e Verónica Rodríguez, activistas ambientais hondureñas, reuníronse hoxe con Eugenia Paz, Ana M.ª Arias e Carolina Ciz, representantes de Cooperación Galega, no seu segundo día de visita pola comunidade galega. Este encontro tivo como obxectivo amosar a importancia de defender o medio fronte a retos ambientais que son de todas.
Mariela Burgos e Verónica Rodríguez visitan Galicia no marco do proxecto Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida, impulsado por Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras co apoio da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social e o financiamento da Xunta de Galicia. O programa busca por en valor as loitas comunitarias lideradas por mulleres en Honduras e Galicia, dous territorios con retos ambientais moi similares.
A visita pola comunidade comezou onte 6 de marzo en Vigo, cun primeiro encontro coa base social de Enxeñería Sen Fronteiras. A primeira tarde de Mariela e Verónica en terra galega rematou en Carril coa intervención das mulleres bravas na Asemblea da Plataforma de Defensa da Ría de Arousa onde compartiron espazo con activistas locais que reivindicaban a urxencia de parar o proxecto impulsado pola empresa Altri en Palas de Rei.
“As mulleres bravas…rompen barreiras”
Verónica Rodríguez e Mariela Burgos son dúas de tantas mulleres que “rompen barreiras”, como a primeira reivindica. Verónica Rodríguez é lideresa comunitaria e labrega. A defensa e o liderado están presentes en toda a súa vida. Forma parte da Asociación de Desarrollo Pespirense (ADEPES), onde participa, entre outras cousas, na construción de políticas para garantir a igualdade. É presidenta da Reserva Estratégica Comunitaria de Granos y Semillas Básicas, unha organización comunitaria apoiada para asegurar a dispoñibilidade de alimentos básicos e a estabilidade de prezos nas comunidades durante períodos de escaseza e seca.
Mariela Burgos pertence á base organizada de CODDEFFAGOLF e é membro do grupo de mulleres marisqueiras Estrelas del Mar. Con elas, realiza actividades complementarias ao marisqueo para xerar ingresos. Tamén, como parte do colectivo, loita contra empresas de cría industrial do langostino que queren apoderarse dos seus espazos de recolección. Como consecuencia da defensa de dereitos, Mariela sufriu ata ameazas de morte.