Maigra Guevara e María Esther Velásquez teceron alianzas con organizacións galegas, universitarias e institucións ao longo dos primeiros días da súa visita, que continúa ata o martes 10 de marzo.
Santiago, 6 de marzo de 2026. Desde que o pasado luns 2 de marzo pisaron terra galega, Maigra Guevara e María Esther Velásquez non pararon. As dúas activistas hondureñas, que visitan Galicia no marco do proxecto Mulleres Bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida, impulsado por Amigas da Terra Galicia e Enxeñería Sen Fronteiras Galicia con financiamento da Cooperación Galega da Xunta de Galicia, acumulan xa catro días de encontros que confirmaron algo que a nota de presentación deste proxecto xa anunciaba: as loitas de Honduras e Galicia teñen máis en común do que semella.
O que aconteceu ata agora
O martes 3 de marzo, tras un día de descanso e aclimatación, Esther e Maigra coñeceron o equipo base de Enxeñería Sen Fronteiras e Amigas da Terra en A Coruña, percorrendo ademais a cidade e a emblemática Torre de Hércules.
O mércores 4, o encontro con Mulleres Salgadas en Vilagarcía de Arousa foi un dos momentos máis emotivos da visita. O diálogo entre as activistas hondureñas e as galegas evidenciou que, a pesar das diferenzas de contexto, as loitas polo territorio e os dereitos das mulleres atravesan o Atlántico. Desde Mulleres Salgadas reflexionaron: "Todo se pode mellorar. En Honduras téñeno aínda peor porque a loita destas mulleres ameaza a súa propia vida, algo que en Galicia non acontece. Aquí poderiamos loitar e berrar aínda máis alto ante todas as loitas que temos que levar ao cabo."
O xoves 5, a xornada comezou cunha charla con alumnado da materia de Educación Ambiental e Cultura da Sustentabilidade da USC, onde as dúas mulleres compartíron as súas experiencias de defensa do territorio con futuras xeracións. Nesta ocasión contouse ademais con Lidia Senra, representando o Sindicato Labrego Galego, que trouxo a problemática da expansión de viñedos que está a afectar á pequena produción e á saúde das persoas e do territorio, debido, entre outras cousas, á sulfatación. Pola tarde, participaron nun encontro co alumnado do proxecto de Aprendizaxe-Servizo de Psicoloxía da USC, e a xornada pechouse cunha mesa redonda na Fundación Eugenio Granell, dentro dos Encontros Americanos, xunto a Mónica Cea, veciña de A Ulloa. Ao longo do día tiveron tamén unha reunión institucional coa Cooperación Galega da Xunta de Galicia.
As propias protagonistas resumiron en poucas palabras o espírito desta visita. Maigra Guevara afirmou: "Deixamos que contedes a nosa historia, porque somos mulleres bravas porque non nos deixamos de ninguén." María Esther Velásquez engadiu: "É unha felicidade saber que as mulleres están valéndose por si mesmas."
O que queda por vir
A visita continúa hoxe venres 6 e ata o martes 10 de marzo co seguinte programa de actos públicos:
— Hoxe venres 6 de marzo, 16:30-18h. Faladoiro formal aberto con SINTRAHOCU e Acuidarth no marco do 8M, no CS A Nubeira (R. Pizarro 6, Vigo). Encontro faladoiro: Traballadoras do fogar e coidado de persoas e territorio.
— Sábado 7 de marzo, 18:30h. Mesa redonda Tecendo pontes entre Honduras e Galicia na Casa Xohana Torres (Rúa de Bernardo Barreiro s/n, Santiago de Compostela).
— Domingo 8 de marzo — 8M en Lalín. Participación na manifestación feminista (12h, saída do Km 0) e convivio posterior no Casino (14h) xunto aos Azos Feministas.
— Luns 9 de marzo. Encontro coas mariscadoras de Cabana de Bergantiños e visita ao Monte Neme (Carballo).