Mariela Burgos e Verónica Rodríguez, activistas ambientais hondureñas, participaron hoxe ás 12h nunha mesa redonda no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo. Esta intervención, enmarcada no programa Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida impulsado por Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras coa financiación da Xunta de Galicia, tivo como obxectivo achegar as loitas ambientais das mulleres hondureñas, a importancia de entendelas como responsabilidade global, as iniciativas e alternativas que propoñen e o imprescindible labor das mulleres nestes procesos.

A Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo acolleu ás “mulleres bravas” de Honduras esta mañá coa benvida de Rosa Romero, a súa directora. Romero deu comezo ao acto, recordando que, para facer fronte a tódolos retos ambientais que temos, é fundamental coidar do noso rural e que, para iso, non podemos esquecer a imprescindible labor das mulleres.

Honduras e Galicia afrontan loitas ambientais moi similares. Macroproxectos empresariais que contaminan terras e augas, afectan aos ecosistemas e destrúen as comunidades ás que nin sequera se ten en conta á hora de tomar decisións. “No somos del mismo país, pero si pertenecemos al mismo mundo”, reivindica Verónica Rodríguez, labrega, lideresa comunitaria e activista hondureña. Do mesmo xeito que a problemática é común a todas, as mulleres bravas defenden que tamén deben selo as loitas e solucións.

En ámbolos dous territorios, as mulleres lideran loitas contra estes proxectos que antepoñen o beneficio económico empresarial ante todo. As mulleres defenden a terra, os dereitos e a vida. Suman entre elas forzas de cambio e sembran os xermes de moitos movementos de resistencia que se mobilizan por garantir dereitos.

Este labor orixina resultados moi positivos nas comunidades, mais moitas veces a costa da liberdade das mulleres lideresas. En Honduras, mulleres son asasinadas por loitar por terras libres e sociedades xustas. Así o conta Mariela Brugos, mariscadora e activista ambiental: “Me han apuntado, me han puesto el arma en la cabeza y me han dicho ‘o te vas, o tu cuerpo va a ser alimento para los langostinos’”.

Ademais dos riscos implícitos no labor de defensoras, as mulleres atópanse con moitas barreiras á hora de chegar a estes postos de liderazgo e toma de decisións. “Como mulleres bravas también trabajamos en el machismo, pues en la cultura hondureña es bien palpable. Cuando yo empecé a salir, a aprender cosas, me costó mucho”, asegura Verónica Rodríguez”. Porén, a labrega reivindica que todos eses pasos que deu lle serviron para “romper tódalas barreiras”: “si no lo hubiera hecho, no estaria aquí, con mi producción, mi forma de pensar, sintiéndome libre y empoderada”.

AXENDA DE ACTIVIDADES DO 6 AO 14 DE MARZOA visita continúa mañá en Pontevedra, coa súa participación na mesa “Mulleres e cambio climático” na Facultade de Ciencias da Educación da Uvigo á 13h e, pola tarde, no XIV Curso de Especialización Comunicar para o Cambio organizado pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social na Facultade de Comunicación da Uvigo.