A produtora de Moropocay chega hoxe a Galicia no marco do proxecto de Amigas da Terra e Enxeñeiras Sen Fronteiras que tende pontes entre defensoras da vida de Honduras e Galicia.

Santiago, 28 de setembro de 2026. Mentres os mercados mundiais seguen apostando pola agricultura convencional, baseada en monocultivos e uso de fertilizantes para maximizar a produción sen ter en conta o que iso implica a longo prazo; Dilma Cruz Canales leva anos facendo o contrario. Esta labrega agroecolóxica de 48 anos, da comunidade de Moropocay, no municipio de Nacaome, conserva sementes criollas propias da súa zona, así como as prácticas agrícolas que herdou de xeracións anteriores, cultivando plantas medicinais e experimentando con técnicas agroecolóxicas adaptadas ao corredor seco hondureño.

Dilma visita Galicia no marco do proxecto Mulleres Bravas de Honduras e Galicia, un proxecto de Amigas da Terra e Enxeñería sen fronteiras que buscar tender pontes entre defensoras da vida de ambos territorios.

Unha vida dedicada á protección da comunidade

Desde a súa comunidade, Dilma planifica a súa xornada e participa en organizacións que apostan por unha agricultura diferente. É integrante da Asociación de Productores Experimentadores de Moropocay (APROEM), que desde hai máis dunha década impulsa a agricultura agroecolóxica, a experimentación campesiña e a conservación de sementes como millo, feixón, maicillo e outros cultivos que forman parte do patrimonio agrícola e cultural de Moropocay.

Na súa parcela conviven plantas medicinais, froiteiras, hortas de tempada e aves de curral, nun sistema diversificado que combina o coñecemento ancestral coa resiliencia fronte á variabilidade climática. Ademais de produtora, Dilma transforma os excedentes da colleita en encurtidos e tamales para a venda, e participa activamente na Caixa Rural Bendición de Dios e no Patronato da súa comunidade.

Este proxecto de vida é tamén familiar. Xunto á súa familia, Dilma constrúe un proxecto de vida no que cada integrante contribúe de maneira coordinada á produción de alimentos, a conservación da biodiversidade agrícola e ao fortalecemento da economía do fogar.

Liderado e visión de futuro

Dilma destaca polo seu compromiso coa aprendizaxe colectiva. A súa participación en APROEM converteuna nun referente para outras produtoras da zona, convencida de que o coñecemento compartido é a mellor ferramenta para o desenvolvemento das comunidades rurais. O seu liderado vai máis alá, xa que tamén se manifesta na Caixa Rural de Aforro e Crédito Bendición de Dios e no Patronato da comunidade de El Rincón, onde participa na toma de decisións e na xestión de iniciativas de beneficio colectivo.

A súa historia reflicte o papel esencial que desempeñan as mulleres rurais na conservación dos coñecementos tradicionais, a produción de alimentos, a protección da biodiversidade agrícola, e o fortalecemento do tecido social e os coidados. O soño de Dilma é seguir ampliando a diversidade de cultivos da súa finca e transmitir os seus coñecementos a outras mulleres rurais, para que máis familias atopen na agricultura agroecolóxica un camiño cara á autonomía e a soberanía alimentaria. A súa traxectoria representa o compromiso de moitas mulleres campesiñas que, desde as súas parcelas, gardan a biodiversidade e os saberes que alimentan as súas comunidades.