A mesa redonda "Partería e maternidade: unha viaxe entre culturas" centra a axenda de Mulleres Bravas desta semana, que inclúe tamén unha visita á cooperativa Milhulloa, unhas xornadas sobre ecofeminismo e decolonialidade e un roteiro feminista pola Coruña
Santiago, 1 de outubro de 2026. Como se vive e se acompaña a maternidade en distintos lugares do mundo? Que papel teñen as parteiras? E como inflúen a cultura, a comunidade e o contexto social na forma de vivir o embarazo, o parto e o posparto? Estas preguntas guiarán a mesa redonda "Partería e maternidade: unha viaxe entre culturas", que se celebrará o venres 2 de outubro, ás 18.00 horas, na Casa Xohana Torres de Santiago de Compostela.
O encontro porá en diálogo dúas experiencias: a de Dilma Cruz, labrega agroecoloxista e parteira hondureña, integrante de APROEM, e a de Irune Valderrábano, matrona galega e historiadora. Ambas compartirán os seus coñecementos e vivencias arredor da partería e das maternidades nun espazo pensado para coñecer outras formas de acompañar, atopar puntos en común e reflexionar sobre o valor do respecto, a diversidade e a comunidade.
A actividade está organizada pola AGAM en colaboración con Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e Amigas da Terra, no marco do proxecto Mulleres Bravas, co apoio da Cooperación Galega. O acceso é libre ata completar aforo.
Plantas medicinais e defensa do territorio en Palas de Rei
Na mañá do venres, Dilma Cruz visitará Milhulloa, en Palas de Rei, unha cooperativa de mulleres dedicada ás plantas medicinais. O encontro servirá para poñer en común as distintas formas de elaborar remedios naturais nos dous territorios, e para tecer lazos entre dúas experiencias que unen as herbas, a economía social e o papel das mulleres na defensa do territorio.
Dilma é unha gran coñecedora das plantas medicinais, un saber que aprendeu da súa avoa a través da tradición oral. Dilma mantén ese saber vivo mesmo sen saber ler e escribir, a través da práctica e da memoria. Na súa comunidade exerce un labor semellante ao dunha curandeira comunitaria, un coidado que vai da man da súa experiencia como parteira.
Pola súa banda, as integrantes de Milhulloa, implicadas na mobilización
contra o proxecto de macrocelulosa de Altri, unha loita que conecta coas resistencias que as comunidades campesiñas hondureñas manteñen fronte aos proxectos extractivos.
Xornadas Ecofeminismo e decolonialidade
O sábado 3 de outubro, a Casa das Máquinas de Santiago de Compostela acollerá unha xornada completa dedicada ao ecofeminismo con mirada decolonial, que xa esgotou o aforo. A xornada comezará ás 10.00 horas cunha formación teórica en ecofeminismo con mirada decolonial, seguida ás 11.00 horas dunha parte práctica. Ás 13.00 horas, Dilma Cruz compartirá a súa experiencia na defensa do territorio desde Honduras.
Pola tarde, ás 16.00 horas, presentarase o informe "Micromachismos no activismo galego", froito da colaboración de Mulleres Bravas coa Facultade de Psicoloxía. A continuación, ás 17.00 horas, abrirase un espazo de reflexión colectiva sobre como as organizacións están a integrar o ecofeminismo e que precisarían para mellorar. A xornada rematará ás 20.00 horas cun peche e a definición dos seguintes pasos, e cunha cea ás 21.00 horas.
Roteiro feminista pola Coruña
A semana pecharase o domingo 4, a partir das 17.00 horas, cun roteiro feminista pola cidade da Coruña, cuxos detalles se difundirán nas redes sociais do proxecto.
Esta axenda forma parte da segunda visita a Galiza de Dilma Cruz dentro de Mulleres Bravas, proxecto que tende pontes entre Galiza e Honduras impulsado por Enxeñería Sen Fronteiras e Amigas da Terra, coa colaboración de Agareso e o apoio da Cooperación Galega. Hoxe xoves, ás 18.30 horas, a súa axenda inclúe tamén unha visita á Misión Biolóxica de Galicia, en Pontevedra.