A labrega agroecolóxica, curandeira e parteira hondureña, Dilma Cruz, estará do 5 ao 16 de outubro con tres labregas do Sindicato Labrego Galego intercambiando saberes e experiencias.

Santiago de Compostela, 6 de octubre de 2026. Unir formas de entender o coidado da terra entre dous continentes e climas tan distintos como son o galego e o hondureño é un dos obxectivos de Mulleres Bravas, o proxecto de Enxeñería Sen Fronteiras e Amigas da Terra que desta volta une forzas con Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) para xuntar mulleres de ambos lados do océano. Dilma Cruz visitará deste xeito os proxectos de tres mulleres labregas galegas do SLG, Pura, Uxía e Belén.

“Dilma é unha labrega doutro continente e dun país cun clima distinto ao galego co que temos moitísimas diferenzas”, conta Pura Seoane, con quen Dilma pasará a súa primeira estadía, entre o 5 e o 8 de outubro, na súa granxa de Vedra. “Con todo, ao final a paixón por traballar a terra, por recuperar sementes e por ter os nosos propios froitos e a nosa propia comida na mesa é común. E moitas outras paixóns máis, porque Dilma tamén busca a sabedoría de curación do corpo con plantas e saberes populares e ancestrais”.

Pura conta que, desde a chegada de Dilma onte, xa tiveron tempo de intercambiar coñecementos. Por exemplo, cando a labrega hondureña viu que na granxa de Pura había boniatos (camote en Honduras) comentou que lles vai ensinar a manter a planta, reproducila e recolectala.

“Para nós o boniato é un cultivo bastante novo, así que ter a súa sabedoría é un tesouro”, explica esta labrega. “Estivemos intercambiando impresións sobre un montón de cousas, tamén sobre como facer que as castañas e as herbas medicinais cheguen vivas alí. Ese intercambio é precioso."

Despois da súa estadía en Vedra, Dilma estará en Allariz con Uxía García, entre o 9 e o 12 de outubro, e con Belén Fervenza, en Redondela, do 13 ao 16 do mesmo mes. As tres labregas, como Dilma, dedícanse a produción agroecolóxica e forman parte da Secretaría de Mulleres do SLG. Pura é labrega en Hortasán, onde cultiva en ecolóxico xunto ao seu fillo; Uxía ten un proxecto agroecolóxico chamado Tralaleira; e Belén é produtora de horta e flor en ecolóxico na iniciativa familiar Horta do Cadaval.

“Tivemos a primeira visita á miña granxa e foi moi bonito, porque atopei unha frase que vai definir un proxecto novo que teño: Escola Labrega”, explica Pura. “Ela definiuno así e gustoume moitísimo. Creo que en cada granxa podemos facer unha escola, porque temos tanta sabedoría e tanta grandeza que é marabilloso compartila para que non se quede e se acabe aí."

Para Pura, é nese encontro onde está a verdadeira realidade, a das mulleres que chegan desde distintos puntos do mundo e descobren que teñen tantas cousas en común. Un bo facer que comparten as labregas de todo o planeta.