Dilma Cruz Canales remata a súa xira polos proxectos ecolóxicos de labregas do SLG.
Santiago de Compostela, 6 de octubre de 2026. Que mellor maneira de aprender que compartindo saberes, facendo comunidade e coas mans na terra? Isto é o que estivo facendo Dilma Cruz Canales nestas dúas semanas coas compañeiras labregas da Secretaría de Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), no marco do proxecto Mulleres Bravas.
Despois de estar co proxecto Hortasán de Pura Seoane en Vedra, do 5 ao 8 de outubro, Dilma visitou Tralaleira, a granxa ecolóxica de Uxía García en Allariz, do 9 ao 12, e remata a súa xira na Horta do Cadaval de Belén Fervenza, en Redondela, do 13 ao 16.
Dilma e Uxía percorreron a aldea, a vila, os curutos e o val. Visitaron as ovellas do Pitu, traballaron na horta entre repolos, sementaron nabiza, plantaron nabicol, saíron de paseo cunhas amigas da vila e tamén foron vender ao mercado.
“Plantamos couves de outono co patrón da ‘pata de galiña’, que compartimos ambos territorios. Tamén collemos sementes, limpámolas e espallámolas con ela polo mundo”, conta Uxía. “Falamos dos dereitos das mulleres nos distintos territorios, dos mercados, da venda, e probamos a mesturar alimentos para obter diferentes sabores, como facemos na súa cultura e na nosa”.
O último día dedicárono a compartir a tarde con veciñas e veciños que se achegaron a coñecer a Dilma. Puideron poñer en común o que significa para elas o 12 de outubro e falaron de partería, de como adquirir e preservar os coñecementos tradicionais, da importancia da autoxestión da saúde, das plantas medicinais e de como é un día na vida dunha comunidade en Honduras.
Con Belén Fervenza, na Horta do Cadaval de Redondela, Dilma está a pasar os últimos días da súa xira. “Estamos aproveitando para pasear e charlar un montón, coñecendo a súa realidade e amosándolle tamén a nosa”, conta Belén. “Estamos intercambiando moita información. Ela sabe moito de plantas, de como usalas para curar, e de saúde e coidados das mulleres. Está sendo un luxo.”
Para Belén, o entendemento foi inmediato: “É unha muller moi fácil, e entre labregas entendémonos moi ben á hora de traballar e cando visitamos a terra”.
Ademais de traballar na horta, Dilma achegouse ao mundo do mar. En Redondela e Cesantes coñeceu a acuicultura e o marisqueo da ría, e comprobou que tamén aquí se cultivan bivalvos. Alí probou por primeira vez o mexillón e o polbo. Tamén visitou o mercado de Redondela, onde viu como se vende o peixe e as tendas de produto ecolóxico e de venda directa.
A saúde das mulleres e o traballo de Dilma como parteira foron outro dos temas centrais do intercambio.
“Falamos moito de como acompaña ela os partos e de como conecta coas mulleres, algo que aquí temos que recuperar”, explica Belén. “Estamos intentando que volva esa capacidade que temos as mulleres de parir no noso mundo, que non sexa como algo dunha enferma no hospital, con moito medo, senón desde a soberanía do noso corpo.”
Nestes últimos días, Dilma recollerá sementes para levar a Honduras e cruzará a Portugal para mercar louza e ver o río Miño e comprobar o preto que está o país veciño.
