A labrega agroecolóxica e parteira hondureña, Dilma Cruz Canales, regresou a Honduras despois de pasar case un mes visitando proxectos e transmitindo os seus coñecementos na nosa terra.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2026. Dilma Cruz marchou de Galicia despois de pasar máis de tres semanas coñecendo labregas de aquí e tecendo alianzas con organizacións e colectivos que comparten unha forma de producir moito máis ligada á terra e coa vista posta na protección do futuro.

A labrega agroecolóxica estivo en Galicia desde o 27 de setembro, no marco do proxecto Mulleres Bravas de Honduras e Galicia: tendendo pontes entre defensoras da vida, impulsado por Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, con financiamento da Cooperación Galega da Xunta de Galicia e a colaboración de Agareso. Foron días de encontros, saberes compartidos e comunidade, que deixan unha pegada fonda nas persoas que tiveron a oportunidade de aprender dela.

Plantas medicinais, partería e ecofeminismo

A visita comezou en Santiago de Compostela cunha reunión coa Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, e continuou na Universidade da Coruña, onde Dilma se reuniu coa Oficina de Cooperación e Voluntariado e participou nunha charla na materia de Xénero, Traballo e Coidados. Tamén visitou a Misión Biolóxica de Galicia, en Pontevedra.

Os saberes que Dilma herdou da súa avoa sobre plantas medicinais protagonizaron o encontro coa cooperativa de mulleres Milhulloa, en Palas de Rei, onde se puxeron en común as formas de elaborar remedios naturais en Honduras e en Galicia. Ese mesmo día, na Casa Xohana Torres de Santiago, Dilma dialogou coa matrona e historiadora Irune Valderrábano na mesa redonda “Partería e maternidade: unha viaxe entre culturas”, organizada en colaboración coa AGAM.

A primeira semana pechouse coas Xornadas Ecofeminismo e decolonialidade, na Casa das Máquinas de Santiago, que esgotaron o aforo, e cun roteiro feminista pola cidade da Coruña.

Tres semanas coas mans na terra

Entre o 5 e o 16 de outubro, Dilma conviviu con tres labregas da Secretaría de Mulleres do Sindicato Labrego Galego. En Vedra, con Pura Seoane (Hortasán), compartiu como coidar e reproducir o boniato, e da súa visita naceu a idea dunha “Escola Labrega”. En Allariz, con Uxía García (Tralaleira), plantou couves de outono, recolleu sementes e participou nun encontro coa veciñanza sobre partería, autoxestión da saúde e plantas medicinais. En Redondela, con Belén Fervenza (Horta do Cadaval), coñeceu a acuicultura e o marisqueo da ría en Cesantes e conversou sobre a saúde das mulleres e a partería.

Pontes co Sur Global

Na recta final, Mulleres Bravas participou nas IX Xornadas de Educación Ecosocial de Tomiño co relatorio “Defender o territorio cos nosos corpos: aprendizaxes Galiza-Honduras”, e Dilma tomou parte no encontro Somos Ponte, en Pontevedra, xunto a traballadoras do mar e da terra da provincia e doutras mulleres de Honduras, Guatemala e Nicaragua.