A labrega hondureña continúa a súa axenda dentro do proxecto Mulleres Bravas achegando a súa experiencia a dous espazos de debate sobre educación, territorio e o papel das mulleres no sector primario
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2026. Despois de dúas semanas compartindo o día a día con labregas do Sindicato Labrego Galego, Dilma Cruz Canales, labrega agroecolóxica, curandeira e parteira hondureña, continúa a súa visita por Galicia con dúas citas na provincia de Pontevedra no marco do proxecto Mulleres Bravas de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e Amigas da Terra, co apoio da Cooperación Galega e Agareso.
Educación ecosocial desde o territorio
Mañá, sábado 17 de outubro, Mulleres Bravas participará nas IX Xornadas de Educación Ecosocial, que se celebran por primeira vez en Galicia, organizadas por FUHEM e Alalá Coop dentro do proxecto Vínculo Ecosocial. As xornadas teñen lugar na antiga Escola Indiana “A Unión del Porvenir”, en Tabordela (Tomiño), baixo o lema “Da aula ao territorio: educación e xustiza ecosocial”.
Ás 11.00 horas, Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e Amigas da Terra presentarán o relatorio “Defensa da terra poñendo o corpo: leccións conectadas Galiza-Honduras”, no que se compartirá a experiencia de Mulleres Bravas. A programación do sábado inclúe tamén a presentación do Proxecto Ríos de ADEGA, unha mesa redonda con centros educativos que defenden o territorio e os coidados desde a aula, un obradoiro de horta escolar e unha sesión de narración oral a cargo de Alba de Vales. O domingo 18, as xornadas pecharanse cunha andaina guiada polo Parque Natural do Monte Aloia.
Mulleres do mar e da terra, de Pontevedra ao Sur Global
O luns 19 de outubro, Dilma Cruz participará no encontro Somos Ponte, un programa da Coordinadora Galega de ONGD coa Deputación de Pontevedra que, nesta cuarta edición, reúne traballadoras do mar e da terra da provincia e de países do Sur Global. O obxectivo é dar visibilidade ás conexións entre as produtoras dos dous territorios e ao seu papel na garantía da soberanía alimentaria e no coidado do territorio.
A xornada desenvolverase de 10.00 a 18.00 horas no salón de plenos do Pazo Provincial de Pontevedra. Xunto a Dilma Cruz participarán a tamén hondureña Antonia Mejía, mariscadora, mariñeira e defensora ambiental; as guatemaltecas Elida Súchite, produtora agropecuaria e coordinadora do grupo de mulleres da caixa rural e do banco comunitario de sementes da súa comunidade, e Hadee Méndez, técnica de seguimento de proxectos da asociación MejorHa; e a nicaragüense Haydée Castillo, defensora de dereitos humanos.
Pola mañá compartiranse experiencias profesionais e debaterase sobre a situación das mulleres no sector primario, e Raquel Doallo converterá as conversas nunha regueifa colectiva. Despois dun xantar compartido, a tarde estará dedicada a “Á Beira”, unha mostra do laboratorio creativo das coreógrafas Eva Comesaña e Alejandra Balboa, construída coas achegas das participantes e que rematará cunha peza de danza. Tamén participarán docentes e alumnado de proxectos premiados no Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global.
O encontro está aberto a mulleres vinculadas ao mar e ao agro de calquera oficio, así como a confrarías, asociacións, sindicatos e persoas do ámbito educativo, investigador, cultural ou artístico.